O K-pop ou pop coreano converteuse nun fenómeno global que non pasou desapercibido en Galicia, onde se están a celebrar cada vez máis eventos para todo tipo de público. “Aínda non triunfou todo o que vai triunfar a longo prazo”, auguran os fans, nun contexto no que aumenta o interese por esta cultura.
Esther Andrés, seguidora coruñesa, destaca que “desde One Direction e 5 Seconds of Summer non había nada a ese nivel, por iso a xente que tiña ese baleiro dun grupo de música masculino ao uso atopou no K-pop ese tipo de contido”. Este fenómeno non só se limita á música, senón que abrangue tamén a danza e a gastronomía, converténdose na cultura coreana nunha forma de crear vínculos entre persoas de diferentes idades.
A influencia do K-pop en Galicia
En Vilagarcía de Arousa, o interese pola música coreana levou a un grupo de amigos a crear en 2021 o grupo de baile “Adt”. Actualmente, este grupo está formado por 13 membros e un cámara de diferentes partes de Galicia. Durante este tempo, participaron en eventos como a ExpOtaku, a Jjang Party, Lérez Up e exhibicións na rúa. Para eles, o K-pop “non é só música, é tamén unha cultura e un punto de encontro” que se está “facendo un sitio moito máis estable no panorama musical”.
Laura Graña, outra seguidora, subliña que “son totalmente diferentes aos grupos occidentais”. A proximidade cos seus seguidores, as coreografías, a súa presenza visual e a gran cantidade de contido que producen son características que o público galego destaca dos seus grupos favoritos. “Véxoos como persoas que están máis preparadas para ser artistas”, engadiu.
Doramas e a música como vía de conexión
A relación entre o K-pop e os doramas é evidente. “Eu creo que as series van un pouco da man co K-pop, se empezas vendo series coreanas – doramas – seguramente nalgún momento escoites a música e viceversa”, apuntou un dos seguidores. Pepi Neto, ourensá, explicou que comezou a ver doramas e que a través deles coñeceu moita música que foi agregando á súa Spotify. “Escóitoa a diario mentres fago as tarefas de casa, encántame, por exemplo, The Rose e BTS”, comentou.
Fátima e Mar, dúas coruñesas amantes do K-pop desde 2009, eran conscientes de “ser unha minoría moi dispersa na cidade”. Para contrarrestar esta situación, decidiron ofrecer actividades lúdicas que lles permitisen “gozar” e que “axudasen a xerar comunidade” na Coruña. Así, coñeceron á súa compañeira Helena e, desde 2017, empezaron a organizar actividades de forma independente como “Kimchimochi”. Desde entón, realizaron clases de baile, formacións de coreano, charlas culturais, concursos de baile e un club de K-dramas, entre outros talleres.
Ademais, levan as “zonas de K-pop” a múltiples eventos e crean contido a través da súa conta de Instagram para un público diverso, entre os 13 e 40 anos, fusionando a cultura coreana con Galicia en vídeos. “Ao final volveuse unha tradición para o Día das Letras Galegas, para celebrar un interese que está a 10.000 quilómetros e achegalo á nosa terra”, indicaron.
María Lima, creadora da base de fans de BTS en Galicia e organizadora de “Korea Events Galicia”, comezou a organizar aniversarios do grupo, reunións con música, comida típica e agasallos artesanais. Agora, amplían a súa oferta a máis grupos como Stray Kids ou proximamente Ateez.

