A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou onte que o vindeiro 29 de xullo abrirá o prazo para solicitar o terceiro paquete de axudas extraordinarias da Xunta ao sector da automoción, que conta cunha dotación de 45 millóns de euros, tal e como foi publicado no Diario Oficial de Galicia. Este anuncio realizouse durante a visita ás instalacións de Valver, situadas no polígono industrial de Areas (Tui), empresa que a conselleira definiu como “punteira” dentro da “extraordinaria cadea de valor” da automoción galega, destacando a súa traxectoria de máis de 40 anos e o seu elevado grao de innovación e internacionalización.
Compromiso co sector da automoción
“Continuamos nesa aposta por un sector clave dentro da industria galega”, afirmou Lorenzana, quen situou esta convocatoria dentro da estratexia de industrialización que busca incrementar progresivamente a contribución do sector á economía autonómica. O programa, que será tramitado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e cofinanciado nun 60 % pola Unión Europea a través do programa Galicia Feder 2021-2027, estrutúrase en tres liñas, cada unha dotada con 15 millóns de euros.
As liñas de axuda inclúen: desenvolvemento experimental e innovación en organización e procesos; protección do ambiente e descarbonización; e proxectos de pemes para a transformación e modernización produtiva cara á mobilidade verde e conectada. As axudas poderán alcanzar un máximo de 10 millóns de euros por proxecto, cun investimento subvencionable mínimo de 100.000 euros.
Intensidades de axuda e beneficiarios
As intensidades de axuda varían segundo o tamaño da empresa: ata o 50 % nos proxectos de desenvolvemento e innovación, ata o 32,5 % nos investimentos de protección ambiental e descarbonización, e ata o 50 % nos gastos de consultoría vinculados aos proxectos de transformación das pemes. Estas axudas están dirixidas a todas as empresas industriais da automoción que teñan centro de traballo en Galicia, tanto fabricantes como compañías da cadea de provedores integradas en Ceaga, como destacou María Jesús Lorenzana.
Para facilitar a execución, a convocatoria prevé un pagamento anticipado do 80 % da subvención concedida, que se tramitará de oficio e sen necesidade de constituír garantías. Esta iniciativa enmárcase na estratexia que a Xunta está a desenvolver para consolidar Galicia como un dos principais polos da automoción en Europa, especialmente nun momento de transición cara á electrificación. Conxuntamente co Plan director da automoción de Galicia 2025-2027, que conta cunha dotación de 134,1 millóns de euros, e o programa extraordinario de apoio á descarbonización e transición ao vehículo eléctrico que se poñerá en marcha en 2024, o Goberno galego prevé mobilizar máis de 230 millóns de euros para o sector, que actualmente xera máis de 24.000 empregos directos en Galicia.

