julio 27, 2026

A Xunta destaca a importancia das mulleres no sector marítimo-pesqueiro no III Día do Orgullo Mariñeiro de Burela

Burela (Lugo), 11 de decembro do 2025

A Consellería do Mar participou activamente no III Día do Orgullo Mariñeiro organizado pola Fundación Expomar, un encontro que se consolida como un espazo de recoñecemento á identidade mariñeira, á cultura do mar e ás persoas que sosteñen o sector pesqueiro. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, interveu na mesa redonda A muller e o mar, onde destacou o papel crecente das mulleres na pesca, no marisqueo e na acuicultura. Suárez subliñou que o sector “está a vivir unha transformación histórica cara a unha participación máis equilibrada e unha maior visibilidade do traballo feminino”.

A responsable autonómica recordou que Galicia conta xa con máis de 1.800 mulleres traballando en actividades estratéxicas do mar, cun crecemento destacado na pesca extractiva e unha presenza moi relevante na acuicultura, onde representan preto do 25 % do emprego total. Ademais, resaltou o “papel esencial” das profesionais do marisqueo, das redeiras, das empacadoras e doutras actividades tradicionalmente invisibilizadas. Mencionou avances como o recoñecemento de enfermidades profesionais, a mellora dos coeficientes de xubilación e a incorporación de medidas de conciliación laboral e familiar.

Impulso ao talento feminino

Suárez destacou que “o futuro do sector pesqueiro pasa necesariamente por atraer talento novo, por reforzar as vocacións mariñeiras e por garantir que as mulleres teñan acceso a formación, emprego de calidade e espazos de decisión”. Tamén salientou o impulso desde a Xunta ao emprendemento feminino a través dos proxectos dos GALP, con iniciativas pioneiras como Candieira ou Sisargas, que fomentan o liderado feminino, a visibilidade e o relevo xeracional no sector pesqueiro.

No marco da mesma xornada, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Cándido Rial, visitou o comedor da Fundación Eu Son e do CEIP Vista Alegre. Durante esta visita, mantivo un encontro cos responsables de ambos centros para poñer en valor o papel da alimentación mariñeira nunha dieta saudable. Rial subliñou que “o peixe e o marisco son alimentos fundamentais pola súa calidade nutricional, pola súa riqueza en proteínas, vitaminas e ácidos graxos esenciais, e pola súa importancia para o benestar das persoas”.

Leer:  Rueda resalta que la licitación del último tramo de la autovía entre Lugo y Sarria representará un eje estratégico de conectividad y seguridad

Compromiso coa educación alimentaria

Rial tamén destacou o compromiso da Consellería do Mar coa promoción do produto pesqueiro galego e coa educación alimentaria, especialmente entre a mocidade e colectivos vulnerables. Este enfoque busca reforzar o vínculo entre saúde, territorio e sustentabilidade, promovendo hábitos alimentarios saudables que inclúan produtos do mar.

A Consellería do Mar apoia esta iniciativa consolidada na Mariña lucense, que pon o foco na identidade mariñeira, na diversidade do sector e na importancia de recoñecer o labor das mulleres e dos homes que sosteñen día a día a actividade pesqueira. Tanto Suárez como Rial coincidiron en sinalar que Galicia “segue avanzando cara a un sector máis xusto, máis sostible e máis preparado para os desafíos de futuro”.

Noticias relacionadas