septiembre 11, 2026

A Xunta defende en Ourense un modelo propio de formación para o emprego e captación de talento para cubrir vacantes e garantir a remuda xeracional

Ourense, 21 de febreiro de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, informou esta semana na sede da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO) sobre as medidas e apoios da Xunta para impulsar unha formación adaptada ás empresas para atender as súas necesidades de man de obra, sumar talento e garantir a remuda xeracional. Nesta liña, durante unha xuntanza na que tamén participaron o director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, a vicepresidenta da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa, e o presidente da CEO, David Martínez, explicou o novo modelo de formación para o emprego da Xunta, que se caracteriza por ser máis áxil, flexible e conectado co tecido produtivo.

Dentro deste novo enfoque, destacou a orde Galicia Suma Talento: Plan de formación empresas (8,5 M€) para a posta en marcha de formacións adaptadas ás demandas específicas do tecido produtivo, cun compromiso de contratación de entre o 40 % e o 60 % do alumnado. Estas axudas, lembrou, son solicitables ata o 1 de decembro ou ata esgotamento de crédito. A elas súmanse as destinadas á formación para persoas ocupadas a demanda do tecido produtivo (4M€), que financian accións do Sistema de Formación Profesional dos graos A, B e C, así como de competencias clave, cun prazo de solicitude que se estende ata o 30 de setembro ou esgotamento do crédito.

Microcredenciais para o emprego

Un fito clave neste eido, no que fixo fincapé o conselleiro, é o decreto pioneiro de microcredenciais para o emprego, que se implantará de xeito progresivo ao longo dos vindeiros meses. Con esta ferramenta, as empresas, clústeres, asociacións ou colexios profesionais poderán deseñar, impartir, avaliar e emitir as microcredenciais segundo as súas necesidades dentro dun marco regulado pola Xunta, que garante a calidade destas certificacións. Ademais, puxo o foco na importancia de pechar o círculo da empregabilidade, conectando formación e emprego.

Leer:  Rueda revela su ambicioso plan para impulsar la energía eólica marina

Neste contexto, lembrou que desde esta semana están dispoñibles apoios á contratación por parte das empresas a través do Galicia Suma Talento: Emprégate, cun orzamento de 19,7 M€, para favorecer a incorporación ao mercado laboral das persoas desempregadas con maiores dificultades de inserción. Por primeira vez, indicou, darase prioridade ás persoas que recibiran previamente formación para o emprego financiada con recursos autonómicos, reforzando así a conexión directa entre as políticas formativas da Xunta e a contratación efectiva.

Retos do comercio galego

O comercio foi tamén un dos asuntos tratados polo conselleiro, que destacou o paquete de medidas impulsadas pola Xunta no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. Neste contexto, puxo o foco en proxectos de especial relevancia para o ecosistema comercial ourensán, como Vilas Vivas, iniciativa piloto de dinamización de vilas senlleiras que se está a desenvolver en Ribadavia, coa previsión de acadar 15 locais activos durante o primeiro semestre de 2026.

Ademais, puxo en valor o convenio asinado coa Deputación de Ourense esta mesma semana, para modernizar as prazas de abastos da provincia, cun esquema de financiamento no que o Goberno autonómico achega o 70 %, a Deputación o 20 % e os concellos o 10 % restante. Ao respecto, lamentou de novo o bloqueo do Concello de Ourense na situación da Praza de Abastos nº 1, rexeitando o ofrecemento público de 2 M€ procedentes da Xunta, da Deputación e dos praceiros, que permitirían dar unha solución á situación sen custo para o Concello.

Atracción de talento exterior

José González expuxo que, ademais destas medidas no mercado laboral interno, o Goberno galego conta cun pioneiro plan de atracción de talento exterior, cun primeiro eixo que pon o foco no retorno das persoas galegas do exterior e un segundo destinado a sumar talento procedente de terceiros países. Neste ámbito, insistiu en que é clave axilizar o traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo solicitadas por Galicia para responder con eficacia ás necesidades do mercado laboral.

Leer:  Iniciativa Lexislativa Popular para proteger o galego: Queremos Galego toma a dianteira

Ademais, aludiu ao novo escenario derivado da regulación extraordinaria de persoas inmigrantes en situación irregular anunciada polo Goberno central, que, segundo sinalou, evidencia falta de planificación e rigor nun ámbito que debería abordarse como política de Estado.

Noticias relacionadas