
Santiago de Compostela, 31 de outubro de 2025
A Xunta incrementará no 2026 nun 22% o orzamento do Instituto Galego de Vivenda e Solo, alcanzando a cifra récord de 269,2M€. O director do IGVS, Heriberto García Porto, compareceu hoxe no Parlamento para presentar os presupostos do departamento para o próximo ano, destacando que do total de 269M€, un 62,45% corresponde a fondos propios, o que suma un total de 168M€, mentres que só o 17% provén de fondos finalistas do Estado.
García Porto subliñou que os novos orzamentos evidencian a clara aposta da Xunta por facilitar o acceso á vivenda para os galegos, destinando un total de 350M€ a este eido. A esta cifra hai que sumar os 77,8M€ que terá a Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal) e os 2,7M€ para o Consorcio do Casco Vello de Vigo.
Compromiso coas vivendas públicas
O director do IGVS recordou que o Goberno galego xa ten en marcha preto de 3.000 vivendas públicas das 4.000 comprometidas nesta lexislatura, contando cunha dotación orzamentaria de 163,1M€ para a súa execución no 2026, o que representa un incremento do 63% respecto ao ano anterior, no que xa se triplicara a inversión.
Ademais, García Porto incidiu na intención de axilizar a dispoñibilidade de nova vivenda en colaboración co sector, destacando o impulso das técnicas industrializadas para modernizar a construción, reducir tempos e custos, e abordar os desafíos de sostibilidade, eficiencia e competitividade que demanda o mercado actual.
Novas medidas para incrementar o parque público
Entre os obxectivos das novas contas da Xunta, o director do IGVS destacou as medidas orientadas a incrementar o parque público, como a oferta pública de adquisición de baixos para transformalos en vivenda pública de calidade e con carácter permanente, dotada con 5M€, dos cales 2M€ se destinarán no 2026. O programa piloto comezará en Ourense, onde se fará a primeira oferta pública para a adquisición de baixos que cumpran coas condicións técnicas e xurídicas adecuadas.
Esta iniciativa complementará o programa Fogar Vivo, que mobiliza vivenda baleira, ao que se destinarán 2,6M€ no próximo ano. O IGVS tamén comprará directamente vivendas públicas en segundas e posteriores transmisións, ampliando así o parque público de vivendas con cualificación permanente, en complemento do exercicio de tanteo e retracto.
Facilitación do solo residencial
A Xunta busca facilitar que os concellos mobilicen solo para aumentar a oferta de vivenda protexida. A partir do próximo ano, as entidades locais poderán promover e desenvolver Proxectos de Interese Autonómico para a creación de solo destinado, como mínimo, nun 80% á construción de vivenda protexida. A Xunta tramitará e aprobará o proxecto de ordenación, permitindo unha maior agilidade na tramitación destes instrumentos.
Ademais, se permitirá incrementar a edificabilidade en solos urbanizables, sempre que se garanta que o 60% se destine a vivenda protexida. No marco da Estratexia de Desenvolvemento de Solo Residencial, prevese unha dotación de 18M€, e García Porto subliñou que xa está en tramitación solo para a construción de preto de 21.000 vivendas en diversas localidades galegas.
Para o 2026, destinaranse 16,4M€ a actuacións directas en materia de rehabilitación, que inclúen a conservación do parque público de vivenda e as actuacións do programa Rexurbe. Ademais, a Xunta reafirmará o seu compromiso para facilitar a compra de vivenda, incrementando a dotación a 4,8M€ nas liñas de axudas para a mocidade, en centros históricos e para vivenda protexida, sumando 18,9M€ para axudas ao alugueiro.
