julio 27, 2026

Pontevedra acogerá a máis de cen autores e autoras na novena Festa dos Libros, do 3 ao 5 de xullo

Novena edición da Festa dos Libros en Pontevedra

Pontevedra acollerá a primeira fin de semana de xullo –venres 3, sábado 4 e domingo 5– a novena edición da Festa dos Libros, que encherá a carpa da praza da Ferraría de literatura, encontros arredor da lectura e propostas culturais para todos os públicos.

Organizada polo Concello de Pontevedra, a festa conta coa colaboración de trece librarías da cidade: Aviones de Papel, Clip, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Libraría Paz, Librería Escolma, Librería Metáfora, Librería Seijas, Librería Cronopios e Mononoke Manga. Ademais, a editorial pontevedresa Kalandraka contará cun espazo propio no que exhibirá as súas publicacións.

Actividades para todos os públicos

A carpa permanecerá aberta ao público de 11.00 a 14.00 h e de 18.00 a 22.30 h (agás o domingo, que pechará ás 22.00 h). Ademais dos postos de venda das librarías, o evento reunirá a máis dun cento de autores, autoras e profesionais do ámbito editorial e cultural que protagonizarán un amplo programa de actividades destinadas a fomentar a lectura e o amor polos libros. Entre os nomes máis destacados figuran Manuel Rivas, Manuel Jabois, Manel Loureiro, María Oruña, Arantza Portabales, Paula Carballeira, Elvira Mínguez, Francisco Narla, Ana Romaní, María Solar, Alfredo González-Ruibal ou Xesús Fraga, entre outros.

O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez Xunqueira, acompañado por representantes das librarías colaboradoras, presentou esta mañá o programa, que abrangue propostas para todas as idades e que abrirá cada unha das tres xornadas con actividades dirixidas ao público infantil.

Programación destacada

A programación do venres 3 de xullo arrancará cunha destacada presenza da literatura para os máis pequenos. Ás 11.30 h, o Colectivo Xurelo ofrecerá o contacontos ilustrado con música Begoña Caamaño. Pequena biografía (Lela Edicións), inspirado na obra homónima e concibido para achegar a figura da escritora homenaxeada nas Letras Galegas 2026. Enrique Mauricio estará acompañado pola ilustradora Tania Solla e polo músico Marcelo Dobode. A continuación, ás 12.30 h, chegará Un verán de contos e música, con Paco Nogueiras, unha proposta da editorial Kalandraka na que a narración oral e a música volverán ser protagonistas.

Leer:  Estética Chi: innovación y profesionalidad en cuidado estético

Xa pola tarde, ás 18.15 h, a programación volverá centrarse en Begoña Caamaño cunha mesa arredor da súa obra e do seu legado, na que participarán Ana Romaní, Paula Carballeira, Beatriz Maceda e María Xosé Porteiro. O encontro estará presentado polo escritor e editor Víctor Freixanes.

Noticias relacionadas