Santiago de Compostela, 1 de maio de 2025
A Xunta de Galicia, no marco dos Concertos do Xacobeo, trae esta fin de semana á cidade da Coruña a voz de Paloma San Basilio. A icónica artista despídese este 2025 dos escenarios cunha gran xira internacional, o seu “GRACIAS Tour”, onde interpretará os seus grandes éxitos nun concerto que promete ser memorable. Esta xira fará a súa parada en Galicia o sábado, 3 de maio, no Palacio da Ópera da Coruña, a partir das 20:30 horas, grazas aos Concertos do Xacobeo promovidos por Turismo de Galicia. As últimas entradas para este evento están dispoñibles a través da plataforma www.ataquilla.com.
Unha carreira de éxitos
Paloma San Basilio é considerada unha das voces máis icónicas e versátiles da música latina. Neste 2025, a artista presenta a súa esperada xira mundial titulada “GRACIAS”, en celebración dos seus 50 anos de traxectoria artística. Acompañada pola súa banda, que inclúe á súa propia filla entre as coristas, San Basilio promete ofrecer unha experiencia inesquecible, chea de música, emoción e recordos. A xira “GRACIAS” será un tributo aos grandes éxitos que marcaron a súa carreira, con cancións emblemáticas que non faltarán no repertorio.
O concerto de Paloma San Basilio forma parte do ciclo Concertos do Xacobeo, que conta co apoio de Turismo de Galicia e inclúe outras citas na Coruña. A Xunta de Galicia respalda máis de quince grandes eventos, que reúnen a figuras internacionais, nacionais e galegas. Entre os artistas que xa actuaron ou que están programados para este ano na Coruña, destacan nomes como Marc Anthony, Franz Ferdinand, Lenny Kravitz, Alanis Morissette, Lionel Richie e Foster The People, todos eles no marco do O Gozo Festival. Ademais, están programados Dani Fernández, Ryan Adams no ciclo Maresía, así como Chayanne, Coque Malla, Vanesa Martín e grandes figuras do Morriña Festival, como Nathy Peluso, Ozuna, Peso Pluma e Residente.
Unha aposta pola música en vivo
Co regreso dos Concertos do Xacobeo neste 2025, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso co apoio á música en vivo, continuando a liña de traballo estratéxica das pasadas edicións do evento, que desde 2021-2022 sumaron máis de 2,5 millóns de espectadores. O programa completo dos Concertos do Xacobeo 2025 pode consultarse na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.