O Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar converteuse onte nun espazo do OUFF por un día. Proxectouse a longametraxe “El cuento del lobo”, dirixido polo ourensán Norberto López Amado. Esta iniciativa enmárcase dentro do programa OUFF Social, que busca levar o cinema a espazos non convencionais, estimular a reflexión crítica e contribuír á transformación social a través da cultura audiovisual.
Un diálogo enriquecedor
A sesión incluíu un coloquio entre os internos e o director do filme, o que permitiu profundar nos contidos da obra e abrir un diálogo directo entre ambas partes, cualificado polos asistentes como “moi enriquecedor”.
Francisco González Pérez, director do centro penitenciario, agradeceu a posta en marcha desta actividade. Subliñou que iniciativas culturais coma esta axudan a modificar a percepción social das prisións e ofrecen aos internos “un sopro de aire fresco” no seu día a día.
Colaboración e compromiso cultural
Óscar Doviso, director artístico do OUFF, destacou a satisfacción de colaborar con proxectos que “alimentan o espírito, rompen rutinas e contribúen a derrubar estereotipos”. Pola súa parte, o director do filme proxectado amosou a súa ilusión por participar nun encontro que considera “profundamente significativo”.
Marcos Vázquez, director técnico do festival, destacou que unha das intencións do OUFF é achegar “un pouquiño do festival ao centro penitenciario, permitindo que os internos tamén poidan gozar do cinema”. Ademais, quixo poñer en valor o compromiso da Deputación de Ourense co centro penitenciario, reafirmando a vontade de seguir impulsando iniciativas culturais e deportivas que favorezan a visibilidade do lugar.

