Ourense, 06 de marzo, 2026
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participaron hoxe no encontro «Falamos de talento, igualdade e futuro» do Club de Redeiras, organizado por AJE Ourense en conmemoración do Día Internacional das Mulleres, que se celebra o vindeiro 8 de marzo. Durante a xornada, que tivo lugar no polígono industrial de Pereiro de Aguiar, ambos os representantes destacaron o impulso do liderado feminino no tecido empresarial da provincia de Ourense e de toda Galicia, reunindo a emprendedoras e profesionais de diversos sectores.
Na súa intervención, Manuel Pardo subliñou que “estamos a vivir un momento social no que é preciso traballar activamente a través da perspectiva de xénero para rexeitar calquera forma de discriminación e violencia, que nos leve a unha sociedade igualitaria, na que todas e todos teñamos as mesmas oportunidades e obrigas, xa que só así seremos considerados como verdadeiramente iguais”.
Compromiso da Xunta coa igualdade
O delegado territorial enfatizou que “a Xunta está a traballar decididamente no fomento da igualdade de xénero e no rexeitamento absoluto de calquera forma de violencia, así como na formación dixital das mulleres para que a innovación e a tecnoloxía non supoñan un freo ao avance económico e social da nosa sociedade”. Ademais, manifestou que “as desigualdades socioeconómicas seguen persistindo en todo o mundo e gran parte dos esforzos da Xunta nesta materia buscan, -destacou o delegado territorial-, mellorar a situación das mulleres no eido laboral e social a través de políticas públicas transversais”.
Manuel Pardo instou a seguir colaborando co tecido social e coas distintas administracións e institucións para avanzar en igualdade e eliminar as desigualdades estruturais que aínda están presentes en todas as sociedades. O Goberno galego continuará traballando para fomentar a creación de postos de traballo para mulleres, favorecer o emprendemento e avanzar cara a unha presenza equilibrada de mulleres en postos directivos e de responsabilidade, sempre conforme aos principios de mérito e capacidade.
Fomento do talento feminino
Pola súa parte, a directora xeral de Promoción da Igualdade reafirmou o compromiso da Xunta de seguir construíndo unha comunidade máis xusta e igualitaria. Neste sentido, destacou os programas que ten en marcha o Executivo autonómico para impulsar o talento, as capacidades de liderado e o coñecemento das mulleres en todos os campos: laboral, educativo, científico, investigador, deportivo e cultural. Animou a visibilizar as mulleres profesionais de todos os sectores e con traxectorias diversas que existen en Galicia, mencionando a campaña da Xunta para o 8M “Máis referentes, máis presentes”, que presenta a plataforma presentes.gal.
Entre outras iniciativas, María Quintiana referiuse ao programa de apoio ao emprendemento feminino Emega, que actúa como promotor do talento feminino e é considerado un exemplo de boas prácticas para a Comisión Europea. Este programa, que nos últimos 13 anos tivo máis de 32 millóns de euros de investimento, permitiu apoiar a máis de 2.400 proxectos e crear máis de 4.000 empregos.
Iniciativas para a conciliación
A directora xeral tamén destacou as axudas que concede a Xunta para favorecer a conciliación e un reparto equilibrado das responsabilidades familiares a través do Plan Corresponsables. Este plan conta este ano cun orzamento de 7,4 millóns de euros destinados a financiar campamentos, servizos de madrugadores, obradoiros e outras actividades para a conciliación corresponsable que organizan Asociacións de Nais e Pais (Anpas) de centros educativos, concellos e entidades sociais.
Pola tarde, María Quintiana e Manuel Pardo asistiron ao concerto pola igualdade organizado pola Deputación de Ourense no Teatro Principal con motivo do 8M. O concerto foi ofrecido pola Xove Orquestra Ourensanía, baixo a dirección de María Mendoza.
