julio 28, 2026

A Xunta inicia la próxima semana un viaje a Nueva York para promocionar Galicia y la marca España verde en el mercado estadounidense

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, viaxa esta semana a Nova York para avanzar na estratexia de promoción do destino en mercados internacionais. En concreto, Xosé Merelles presentará o destino España Verde, ademais de manter diversos encontros destacables para o sector nos que promocionará o destino Galicia ante o mercado estadounidense que está a medrar nos últimos anos.

A viaxe desenvolverase entre o mércores 19 e o xoves 20, cunha axenda de actividades que inclúe a presentación da marca España Verde ante unha selección de operadores turísticos do país norteamericano, no marco dunha xornada organizada por Turespaña. Previo a este encontro, Xosé Merelles reunirase co director da Oficina Española de Turismo (OET) en Nova York, Magí Castelltort Claramunt.

Alianzas entre comunidades

Esta iniciativa busca establecer alianzas no sector entre as comunidades de Galicia, o Principado de Asturias, Cantabria e Euskadi, partindo de características comúns que as diferencian doutras rexións de España, como o estilo de vida, o clima, a gastronomía ou as paisaxes. Baixo este ámbito, estanse a desenvolver proxectos como a Reserva Ecoturista da España Verde, unha gran ruta de ecotouring que percorre 25 espazos naturais protexidos.

O xoves 20, o director de Turismo de Galicia reunirase co CEO da Hispanic Society of America, Guillaume Kientz, para asinar un novo convenio de colaboración. Posteriormente, reunirase con Jennifer Tombaugh, CEO da compañía Tauck Travel, un dos principais operadores estadounidenses especializados en itinerarios polas rutas xacobeas.

Innovación e promoción

Ademais, o director de Turismo de Galicia aproveitará para presentar, entre outras iniciativas, o produto Galicia Spa Pilgrimage, deseñado pola Xunta, que une o termalismo coas rutas xacobeas, co obxectivo de impulsar a desestacionalización e fortalecer o posicionamento internacional de Galicia.

Leer:  Consellería do Mar destinará 4,3 M€ á formación náutico-pesqueira no vindeiro ano

Estados Unidos constitúe o principal mercado emisor a nivel internacional no que se refire ao Camiño de Santiago, con 39.850 Compostelas recollidas por persoas procedentes deste país en todo 2024. No que vai de 2025, esta cifra xa se superou, cun crecemento do 10% interanual que incrementa ata case 44.000 as Compostelas entregadas a persoas de nacionalidade estadounidense.

Impacto do turismo estadounidense

Segundo datos do INE, o turismo procedente de Estados Unidos constitúe o segundo mercado estranxeiro en importancia da comunidade no segmento de aloxamento hoteleiro, só por detrás de Portugal, cun peso do 12,3% do total. Así, entre xaneiro e agosto de 2025, rexistráronse 156.140 viaxeiros de orixe estadounidense aloxados nos hoteis e pensións de Galicia, un 13,4% máis que no mesmo período de 2024. En total, realizaron 231.325 pernoctacións, un 8,7% máis.

Trátase dun turismo de longa estancia: dous terzos de visitantes permanecen na comunidade máis de tres noites, quedando o 45% máis dunha semana. O gasto medio diario do turista estadounidense en Galicia sitúase en 296 euros para os primeiros sete meses do ano, fronte aos 222 euros do mesmo período de 2024. Esta cifra tamén é superior á media do turista internacional na comunidade, que se sitúa en 151 euros por persoa e día, confirmando así o mercado estadounidense como o primeiro internacional en gasto medio diario.

Noticias relacionadas