noviembre 18, 2025

A Xunta impulsa os produtos alimentarios galegos na feira San Sebastián Gastronómika

San Sebastián (País Vasco), 6 de outubro de 2025

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou hoxe na inauguración da feira San Sebastián Gastronómika, que terá lugar na cidade vasca ata o vindeiro mércores. Neste evento, a Xunta promocionará os produtos alimentarios galegos do rural, amparados por selos de calidade diferenciada, así como os do mar.

A Consellería do Medio Rural conta cun espazo propio no que están representadas oito empresas de produtos que posúen distintivos de calidade. Ademais, sete adegas das denominacións de orixe vitivinícolas galegas e un produtor de cervexa artesá participan nun túnel do viño, onde poderán expoñer e ofrecer degustacións dos seus produtos.

Actividades e Degustacións

O expositor dispón tamén dunha aula de catas e degustacións, onde se desenvolverá un amplo programa de actividades a cargo da Axencia, co fin de dar a coñecer as producións de calidade da nosa comunidade presentes en Gastronómika. A isto cómpre sumarlle a presenza dos sumilleres Jorge Vila, da Galicia Wine Academy, e Ciro Carro, do restaurante Akelarre, que serán os encargados de levar a cabo unha wine session hoxe. Nesta primeira xornada, tamén se celebrará unha cea para 350 comensais, na que se servirán en exclusiva viños galegos.

Dentro do programa de actividades da Consellería do Medio Rural en Gastronómika, o mércores farase unha presentación da plataforma web experienciasdecalidade.gal, onde se poden mercar diferentes produtos amparados por selos de calidade diferenciada.

Presenza do Sector do Mar

A Consellería do Mar repite un ano máis a súa participación na feira cun dos stands máis grandes da cita, no que se dará mostra dos produtos alimentarios, gastronomía e industria alimentaria marítima. Deste modo, a Xunta de Galicia reforza a súa presenza na feira e coordina a participación doutras entidades do sector, que actúan como coexpositoras no stand de Mar: Mareterra Conservas, Horesmar, Fundación Semana Verde de Galicia, Artesa Despensa Atlántica e Caviar del Tibet.

Leer:  A Xunta resalta as actividades silvícolas e forestais realizadas no obradoiro de emprego de Vilariño de Conso, Viana do Bolo e A Gudiña

Entre as principais actividades nas que participa o sector marítimo galego destaca o II concurso de sopa de peixe. Despois do éxito acadado en 2024 polo chef do posto da Consellería, José Manuel Mallón, que resultou gañador, este ano Mar participará de novo e formará parte do xurado. Así mesmo, no programa oficial figura de novo o campionato de ensaladilla rusa, no que na pasada edición se concedeu o premio ao galego Alén Tarrío López, potenciando a marca Galicia na feira.

Noticias relacionadas