julio 28, 2026

A película subvencionada ‘Onte á noite conquistei Tebas’ estrea en Galicia tras o seu destacado percorrido internacional

Santiago de Compostela, 14 de novembro 2025

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, asistiu esta tarde no Salón Teatro de Santiago de Compostela á estrea galega de Onte á noite conquistei Tebas, debut de Gabriel Azorín na dirección de longametraxes. Esta coprodución internacional, encabezada pola compañía galega Filmika Galaika, preséntrase na 39ª edición do festival Cineuropa precedida dun destacado percorrido polo circuíto mundial de festivais.

A Xunta de Galicia cofinancia esta película a través de varias das súas liñas de subvencións ao audiovisual galego, de xeito que ademais de contar cunha axuda de máis de 255.000 euros a través da convocatoria para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos, tamén recibiu apoio para a súa fase de preprodución e, posteriormente, para a promoción da súa participación en varios certames internacionais.

Premios e recoñecementos internacionais

Entre os festivais que acolleron a película, destaca o Festival de Venecia, onde a fita foi premiada dobremente cos Bisato d’Oro a mellor guión e a mellor fotografía na súa estrea mundial dentro da sección Giornatta degli Autori. Ademais, puido verse no New York Film Festival e na Seminci de Valladolid, onde levou o premio especial do xurado, así como en outras mostras internacionais en Austria, Grecia, Francia, Estonia, Bélxica, Tailandia ou Brasil.

O complexo arqueolóxico Aquis Querquennis, no concello ourensán de Bande, é o escenario principal de Onte á noite conquistei Tebas. Cun reparto e un equipo internacional, foi rodada en galego, portugués e latín para contar dúas historias de amizade separadas por máis de 2000 anos: a de dous rapaces portugueses dun pobo da serra do Gêres que van pasar a tarde ás termas de Bande e a de dous dos soldados romanos que as construíron.

Leer:  Galicia lidera la inclusión de una innovadora vacuna para los jóvenes de 12 años

Colaboracións e desenvolvemento do proxecto

Filmika Galaika asociouse a DVEIN Films e á produtora portuguesa Bando à Parte para levar a cabo esta produción cinematográfica, que na súa fase de desenvolvemento obtivera xa o premio ao mellor proxecto no foro de coprodución do Festival de Sevilla. Ademais, foi seleccionada para as residencias do Festival de San Sebastián, da Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas de España e de La Incubadora de ECAM Industria.

Noticias relacionadas