Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2025
Un total de 3.998 pacientes xa se beneficiaron do Programa de prescrición de medicamentos sen demora que a Xunta de Galicia puxo en marcha no pasado mes de febreiro, en colaboración cos Colexios Oficiais de Farmacia da comunidade. Durante os seus primeiros 10 meses de funcionamento, a rede sanitaria pública galega concertou unha media de 19,1 citas diarias para a renovación da medicación non demorable, necesaria para o tratamento de certas doenzas crónicas.
A distribución das citas vinculadas a este programa pioneiro sitúa á cidade de Vigo como a localidade con maior adherencia, con 545 citas; seguida pola Coruña, con 340; e Santiago de Compostela, con 211. Máis alá das sete grandes cidades galegas, o concello de Narón con 92 citas, Redondela con 90 e Baiona con 74, son os municipios que contan cunha maior participación no programa.
Impacto na atención primaria
A medida adoptada na sanidade pública galega logrou diminuír o número de consultas forzadas ou sen cita nos centros de atención primaria, evitando o bloqueo das axendas médicas e reducindo os desprazamentos innecesarios dos usuarios. Este enfoque, ademais, minora a interrupción de tratamentos e os posibles problemas para a saúde dos doentes.
As medicacións retiradas con maior asiduidade nestes primeiros dez meses de funcionamento do programa inclúen tratamentos de insulina, fármacos para tratar a hipertensión, antiacoagulantes e determinadas terapias immunosupresoras e de carácter neuropsiquiátrico.
Ampliación do programa
A listaxe de medicamentos incluídos neste procedemento excepcional foi amplamente consensuada, priorizando aquela medicación na que a súa suspensión pode provocar efectos non desexables na saúde dos pacientes. O acordo de colaboración entre os Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia e a Consellería de Sanidade destaca o compromiso do departamento sanitario da Xunta de realizar un seguimento e unha avaliación continuada deste programa.
O pasado 16 de xuño, á listaxe inicial de fármacos incorporáronse novos grupos de medicamentos, entre os que se destacan: os anticoagulantes antagonistas da vitamina K, fármacos vinculados á terapia inhalada de asma e EPOC, a adrenalina fronte ao choque anafiláctico, tratamentos para as hipoglicemias graves, fármacos antiarrítmicos ou aqueles que forman parte da terapia analxésica no tratamento da dor de orixe oncolóxica.
