julio 27, 2026

Xunta declara alerta laranxa por vento no oeste e suroeste da Coruña

Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2025

A Xunta activou para mañá a alerta laranxa por vento no oeste e suroeste da provincia da Coruña. Ademais, mantense o nivel de aviso laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e de Lugo. Co fin de garantir a seguridade dos bens e das persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas, deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil, así como aos clubs náuticos, entre outros.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a alerta laranxa por vento activarase desde as últimas horas do día de hoxe, agardándose refachos de vento de ata 100 quilómetros por hora. Ademais, mantense o nivel de aviso laranxa por temporal costeiro nos litorais da Coruña e de Lugo debido a ventos do sur ou suroeste de ata forza 9 e mar combinada do oeste ou suroeste con ondas de ata sete metros.

Suspensión de actividades educativas e deportivas

Debido á alerta laranxa por vento, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender ata as 16:00 horas de mañá martes, día 9, as actividades no exterior dos centros educativos en dúas zonas: Oeste da Coruña, que inclúe Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas; e Suroeste da Coruña, que comprende Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois.

Do mesmo xeito, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e das do programa Xogade que se realicen no exterior, desde a medianoite ata as 15:00 horas do martes no oeste e noroeste da Coruña, e desde a medianoite ata as 9:00 horas no suroeste coruñés. A actividade deportiva federada e Xogade no mar suspéndese ata o remate do martes desde as 9:00 horas no oeste da Coruña (Costa da Morte), desde as 10:00 horas no noroeste desta provincia e desde as 12:00 horas no suroeste coruñés, Rías Baixas e Miño de Pontevedra. Na Mariña de Lugo, a suspensión vai desde esta medianoite ata as 14:00 horas do martes.

Leer:  A Xunta destina preto de 400.000 € á creación de 79 proxectos liderados pola mocidade co programa Iniciativa Xove

Recomendacións de seguridade

A Xunta lembra a necesidade de manterse afastado da liña de costa, que inclúe diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén se recomenda extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.

Ademais, sinala a importancia de retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, así como de árbores, paneis publicitarios e obxectos susceptibles de desprazarse con vento.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que ofrece información meteorolóxica e ligazóns de interese.

Noticias relacionadas